Síguenos:

Concellería de Servizos Sociais

O noso obxectivo

Dende a Concellería de Servizos Sociais, encaramos con dedicación e sensibilidade a responsabilidade de ofrecer servizos sociais de calidade na nosa comunidade. Traballamos de maneira constante para garantir unha atención completa e empática aos nosos veciños, promovendo o benestar e a inclusión social.

Desenvolvemos programas sociais coidadosamente planificados, destinados a atender as necesidades específicas da nosa poboación. Abordamos as situacións de vulnerabilidade cun enfoque solidario, traballando en colaboración coa comunidade e organizacións sociais para ofrecer unha rede de apoio robusta.

Facilitamos o acceso a recursos esenciais e promovemos activamente a igualdade de oportunidades, traballando dilixentemente para eliminar barreiras e crear unha sociedade na que todos os nosos veciños poidan participar plenamente. Desenvolvemos accións preventivas para abordar os problemas sociais antes de que se intensifiquen, promovendo así unha comunidade máis saudable.

Inclusión e Vitalidade Comunitaria

Coñecemos a importancia da colaboración entre diferentes axentes sociais, polo que traballamos de maneira coordinada coas institucións educativas, organizacións non gobernamentais e outros socios para maximizar o impacto dos nosos esforzos. A nosa misión é construír unha comunidade na que cada individuo se sinta valorado e integrado.

Estamos comprometidos coa construción dun concello no que a solidariedade e a empatía sexan os alicerces da nosa convivencia. Ao traballar incansablemente xuntos coa nosa comunidade, aspiramos a crear un entorno onde cada veciño poida vivir con dignidade e gozar dunha calidade de vida plena.

Recursos humanos

Equipo interdisciplinar:

  • Tres traballadoras sociais
  • Unha auxiliar administrativa
  • Unha pedagoga-coordinadora
  • Dúas auxiliares de axuda a domicilio máis empresa prestadora de servizos
  • Dúas asesoras xurídicas – estranxeiría
  • Monitoras para obradoiro de memoria e estimulación cognitiva
Contacto

Rúa do Curro, 4 Noia

Servizos Sociais Comunitarios

Os servizos sociais comunitarios, de carácter local, fan referencia a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais. Son servizos de carácter integrador, o que os constitúe na principal instancia do sistema para o desenvolvemento de intervencións de carácter preventivo, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral. Estarán coordinados mediante protocolos e sistemas de derivación, información e colaboración cos servizos sociais especializados, así como con outros servizos para o benestar que operen no mesmo territorio, especialmente cos de saúde, educación, cultura, emprego, vivenda, migracións e, se é o caso, desenvolvemento rural, co fin de favorecer unha intervención integral coas persoas.

Servizos sociais comunitarios básicos

Servizos de información, orientación e asesoramento a toda a poboación, facilitando o seu
acceso aos recursos sociais. Servizos de detección, prevención e análise de necesidades e
demandas no seu ámbito de intervención. Atención das situacións individuais e familiares,
diagnóstico e valoración técnica para, de ser conveniente, tramitar a derivación cara ao recurso
idóneo.

Servizos sociais comunitarios específicos

Programas e actividades para previr a exclusión de grupos vulnerables de características
homoxéneas e facilitar a súa inserción e normalización social. Atención directa a colectivos con
déficits de autonomía ou en risco de exclusión.
• Centro de Información á Muller (CIM)
• Servizo de Atención Temperá (SAT)

María Luisa Villar

Tenente Alcaldesa
Concellería de Sevicios Sociais, Benestar, Igualdade e Conciliación

Áreas dos servizos sociais

Programa de valoración, orientación e información.

  • Proporcionar información, orientación, asesoramento e acompañamento ás persoas, ás familias e aos grupos sociais.
  • Realizar a valoración e o diagnóstico social das demandas da cidadanía.
    Intervención básica de traballo social de caso e grupos, de acordo cos dereitos sociais, necesidades, demandas e recursos dispoñibles.
  • Derivar cara á intervención social, biopsicosocial ou socio educativa idónea para cada caso. Esta derivación poderá realizarse cara aos distintos programas de servizos sociais comunitarios, tanto básicos como específicos, e, se é o caso, cara aos servizos sociais especializados.

Programa de fomento da cooperación e solidariedade social.

O Concello de Noia subvenciona e colabora coas seguintes entidades de iniciativa social de ámbito supramunicipal, situadas no Concello de Noia: Asociación Pro-Saúde Mental «A Creba», Asociación de Persoas con Dis-capacidade da Comarca de Noia e Muros «Misela», Fundación Romero Blanco-Monroy, Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Noia, Cáritas Parroquial Noia.

Servizos:

Servizo de axuda no fogar (SAF), que ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo.

Servizo de Xantar na Casa: servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, con déficits de autonomía persoal, ademais de cubrir as necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

Servizo de Teleasistencia Domiciliaria Provincial: servizo da atención a 24 horas diarias os 365 días do ano. Mediante a instalación no domicilio dun equipamento informático específico, composto por unha terminal telefónica, e unha alarma portátil (medallón ou pulseira), as persoas beneficiarias poderán entrar en contacto verbal “mans libres” co Centro de Atención, soamente
con premer o botón da alarma portátil.

Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD): configúrase como unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, dirixidos a persoas en situación de dependencia tales como Teleasistencia, Axuda no fogar, Servizo de atención diúrna, Servizo de atención de noite, Servizo de atención residencial, Servizo de promoción da autonomía persoal e Libranza vinculada a servizos, Libranza para coidados no contorno familiar e Libranza de asistencia persoal.

Servizo de educación e apoio familiar (SEAF)

Desde unha perspectiva universalista, preventiva e de igualdade, son destinatarias deste servizo todas as familias empadroadas no Concello de Noia. Atenderase de forma prioritaria ás familias que se atopen naquelas situacións e fases do ciclo familiar de maior vulnerabilidade, risco ou crise. A intervención familiar pode supoñer unha oportunidade de cambio e transformación familiar, así como de superación de situacións de exclusión.
Tamén é destinataria deste servizo a comunidade en xeral, e dentro desta, as entidades e profesionais cunha vinculación directa ou indirecta no traballo con familias (sistema sanitario, educativo, xurídico, asociativo, laboral, servizos especializados,…)

  • Acceso ao servizo:
    – Por solicitude da propia familia.
    – Por derivación doutras entidades.

Intervención comunitaria

Promoción de proxectos de Intervención Comunitaria como estratexia de prevención.
Obradoiros e escolas de nais e pais relacionados con información e sensibilización comunitaria sobre contidos que favorezan o benestar das familias e a súa autonomía: proceso de crecer, rol de autoridade, puberdade, adolescencia, resolución de conflitos…

Programa Básico de Inserción Social do Concello de Noia.

Atención ás persoas en situación ou risco de exclusión social para o acceso ao recursos tales como:
RISGA, AIS, Plan Galego de Inclusión…
Ten como finalidade acadar de forma progresiva a autonomía e integración social das persoas, mediante o apoio técnico e financeiro dos Servizos Sociais municipais. Axudas de Emerxencia Social e Axudas Complementarias de Apoio á Inserción Social.

Programa de Envellecemento Activo

Atención ás persoas para o acceso ao recursos destinados a persoas maiores de 65 anos: Turismo Social, Termalismo Social, Xuntos polo Nadal…
Oferta para as persoas maiores do Concello de Noia uns obradoiros de memoria e obradoiros de estimulación cognitiva no domicilio, co fin de garantir a seguridade das persoas maiores no seu entorno.

Atención ás persoas para o acceso ao recursos destinados a persoas en situación de discapacidade

Recoñecemento de grao de dis-capacidade, dereitos das persoas en situación de discapacidade, Programa de Respiro Familiar, Termalismo Social, Vacacións IMSERSO-COCEMFE…

 

Tarxetas de Estacionamento para persoas con mobilidade reducida

Concederáselle ás persoas con graves dificultades de mobilidade que teñan recoñecida a imposibilidade de uso de transporte público polos equipos de valoración e orientación (EVO), como documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorecer o uso e gozo dos transportes privados, facilitando o seu estacionamento.

Atención a persoas emigrantes

  • Dotar as persoas estranxeiras da correcta información e asesoramento sobre os diversos procesos administrativos nos que podan estar inmersos, facilitando a súa inclusión social.
  • Reducir as dificultades administrativas na tramitación dos diversos procesos a través do acompañamento as persoas emigrantes ante as entidades públicas correspondentes cando as circunstancias concretas de cada caso así o requira.
  • Facilitar o acceso os dereitos das persoas estranxeiras a través da defensa xurídica perante os diversos procesos administrativos, a través da contestación dos requirimentos, emendas, e no caso de resolucións, mediante a realización dos correspondentes recursos de reposición ou alzada, etc.